DEMIURXIA “Outra vez” Patricia Torrado Queiruga

Autoría da imaxe: Mohammed Dawoud

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

OUTRA VEZ

Unha e outra vez: o eterno retorno do que falaba Nietzsche, volver a cometer un a un os mesmos erros dun pasado non tan afastado; con teimosía, con grandes doses dun odio exacerbado, sen empatía e, sobre todo, sen dor dos outros.

Dicía o tamén filósofo Inmanuel Kant: algo así como que o ser humano sairá da súa “minoría de idade” cando se atreva a pensar por si mesmo usando a súa propia razón e deixe de obedecer a outros coa cegueira de quen vive máis tranquilo se llo dan feito.

Non hai moito, a arqueóloga Marga Sánchez Romero facía fincapé nunha entrevista en que o que nos fai verdadeiramente humanos son os coidados. E pregúntome: cando, como especie, deixamos de coidarnos? En que intre nos volvemos insensibles ás inxustizas? Como alguén que sabe que outras persoas sofren non é capaz de sentir ese mesmo sufrimento ou, cando menos, unha certa compaixón?

Dame en pensar que perdemos incluso a animalidade –na casa dos meus avós unha vaca aleitara os años da ovella con todo o mimo, cando perderon a nai e lográronse.

Setembro foi para min un mes difícil, mais foi un mes de aprendizaxe.

Teño unha amiga gazatí, Reem -semella que, se falamos de cifras, esquecemos que cada persoa ten un nome, que é unha entidade chea de vida, coas súas esperanzas, preocupacións, soños e realidades-; acaba de sufrir un novo desprazamento forzoso e estamos en contacto por un proxecto que nos une; ela é ilustradora. Até hai dous anos era profesora de debuxo e é nai dun neno de oito anos, Youssef, e dunha nena, Salma, de dez. A guerra deu ao traste con todo e falamos, a poder ser, cada día para sermos válvula de escape desta loucura. Unha tarde díxome: “Dame razóns para seguir debuxando, para poder esquecer que están caendo bombas a metros dos meus fillos”. E sentín o mesmo arreguizo que sinto agora mentres o escribo.

O domingo 7 faleceu a miña avoa e esquecín escribirlle. Falamos de aí a dous días e preguntoume que pasara. Conteille que a avoa fora coma unha nai para min, que era o último vencello cun lugar, cun sentimento, con certos aromas, con eses bicos e eses brazos que son refuxio. E sabedes que me dixo? “Doulle grazas a Alá porque che deixase velala, chorala e enterrala en paz”. Pódovos asegurar que me quebrou por dentro. Ela, que leva vivido todo isto: a inanición, a incomprensión por un conflito atroz e irracional; quen busca sacar forzas para inventar xogos para os seus nunha tenda cativa e plástica a onde non chega a luz ou a auga, a onde non chegan os alimentos, que teñen que desprazarse e facer longas colas para cargar os seus teléfonos e poder conectarse a internet.

E nós, ollando dende fóra, impasibles, inoportunos, impotentes. Eu, magoada dúas veces: pola perda e polo pésame sentido de quen non me coñece de hai tanto e, aínda así, empatiza coa dor de outra persoa.

Pero, como dicía, foi mes de aprendizaxes. O pasado venres, quedei cuns amigos para tomar o café na casa dunha delas, e díxenme: vou ir mercar un doce para acompañar o café posto que non me deu tempo a facelo. Teño que maldicir a hora. Que necesidade tiña?! Cheguei á pastelería en cuestión e a muller que me atendía, uns anos maior ca min, comezou a queixarse de ser autónoma, porque hai que pagar moito a Facenda, á Seguridade Social,… Tiven que interrompela e preguntarlle se a ela, cando a atendían no centro de saúde, lle pedían ver o número de conta ou se, cando lle facían unha proba, tiña que pedir un crédito para poder facela. A cousa non quedou aí porque os cruasáns seguían no forno e os moi puñeteiros non querían cocer, que ían cocer,… E a conversa seguiu marabillosamente falando de Amancio, “porque é tan boísimo que doou unhas máquinas para a diagnose do cancro, que menos mal que o temos a el”. Tiven que volver parala, porque se ese “santo” tributara neste país como debe e non evadira millóns de euros en impostos mediante o uso de filiais en Suiza, Irlanda ou Países Baixos, con eses cartos probablemente se puidese mellorar o estudo, tratamento e diagnose do cancro e doutra manchea de enfermidades. Os cruasáns,… seguían no forno. Mághoa! Porque a cousa seguiu e eu son das que “é aceptable que todo o mundo teña dereito a opinar, máis non toda opinión é aceptable”. E non vai e me defende o xenocidio palestino? Pois si, cun par, dime: “Que solten aos reféns! Verás como todo remata”. E quedei estupefacta. Porque non me falaba como unha doente psíquica; facíao coma unha persoa sen alma, sen capacidade de pórse na pel dos demais, sen poder ou querer afrontar que estamos fallando como sociedade. E cando lle dixen que non podía compararme a perda de 1.000 israelís coa de 65.000 palestinos, que a barbarie das cifras falaba soa, apostillou: “As cifras tamén hai que tomalas de quen veñen, de seguro que non son tantos e son todos terroristas”.

Quen me mandaría a min ir por cruasáns para que me fervese o sangue a primeira hora da mañá? Mais esta é unha realidade cruenta e diaria. O que si sei é a onde non vou volver entrar nin mercar ren. De seguro que haberá un Amancio que lle rescate o negocio cando as cousas lle veñan tortas e tamén sei, e sabemos, que se volvesen os tempos que algúns nostálxicos e nostálxicas ansían, estas persoas serían as primeiras en empuñar o fusil contra nós.

Por certo, o novo Papa vén de aseverar que usamos moito a palabra “xenocidio”, pero a Santa Sede non pode pronunciarse a este respecto sobre o conflito, pois igual non o é. De seguro que o anterior pontífice, que falaba de xustiza para o pobo palestino e que se interesaba diariamente polo que acontecía en Gaza, debe estar a retorcerse baixo a sepultura.

Ogallá teñades quen vos coide, a quen coidar, xente empática e loitadora, que pense por si mesma e que sexa moi consciente de que hai erros que non poden volver a cometerse.

DEMIURXIA “Libros e outras intimidades” Patricia Torrado Queiruga

Biblioteca do Mosteiro do Escorial


DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

LIBROS E OUTRAS INTIMIDADES

Hoxe, coma todos os días, pero se cadra máis aínda, facemos esa gran festa dos libros. Que sería da especie sen o milagre da escritura e, por ende, da lectura?

Cando o ser humano decide que hai cousas que teñen que perdurar no tempo porque a sabedoría acadada é maior e non pode fíar todo á memoria ou á transmisión do coñecemento de xeito oral, aparece a escritura, aló nos albores “da humanidade” -e deixádeme que isto último o poña entre comiñas, que coa que temos enriba…

Escribimos muros, louza, papiro, vitela, o que se nos puxese por diante e precisamos logo do marabilloso invento da imprenta porque non nos chegaba a nada tanto soporte se non podiamos trasladar os textos cuneiformes do imperio acadio ou os muros do templo de Luxor ao longo e ancho do globo.

A mañá levoume a pensar non só neste caos de inicios, de soportes, de necesidades, en lugares e personaxes imbrincados en determinadas obras que todos coñecemos, senón no que hai antes ou despois. Nesa pulsión de quen che agasalla un libro ou de a quen agasallas un libro. Hai algo máis íntimo e valente nesa escolla individual? Case todos os libros que inundan os andeis da miña casa son unha escolla propia para a lectura ou unha escolla que alguén fixo para min. Conste que algo de refugallo tamén se xunta, pero igual é só un tres por cento do total.

E cada libro que me escolleron garda dentro das súas páxinas un re-cordis, con toda a etimoloxía da palabra latina, ollando en fite para min. O lugar no que me fixeron ese agasallo, a persoa que o fixo, a relación entrambas, un sentimento, unha despedida, un reencontro, un bico, un perfume, unha ilusión, un soño, unhas letras… E volvín pasar pola man todas esas lembranzas que son eu e son a outra persoa.

E volvín á voz da avoa cando me contaba o conto de Genoveva de Bravante para que comese algo; ás mans do avó, cando me ensinou o libro de ebanistería que herdara do seu pai -e este, á súa vez, do del-; aos meus doce anos e ao aburrimento inmenso dun verán no que, ás tres da tarde, non podías baixar á praia por ser cedo de máis, e aproveitei para apañar aquel volume de teatro de Shakespeare que ulía tan ben… Volvín á aquela mañá na que esta que agora escribe, tan infinitamente tímida, se achegou á súa profesora de literatura para suplicarlle que lle mudara o libro de lectura que lles puxera na aula porque non era capaz de pasar da páxina 20 -co tempo lino, por superalo,  e certamente non pagaba a pena-.  A Os dous de sempre, unha tarde e o número de teléfono de alguén a quen quero de marca páxinas. A aquel primeiro soldo como camareira, que recibía nun comezo por días, e do que gastara dez euros nunha edición de peto de Los pilares de la tierra do meu querido Follett.

Transitei por aqueles libros que eran compendios sobre outras civilizacións extintas que podían mercarse no todo a cen. Recuperei a ollada de repelús que me dedicara aquel mozo que me dixera, aos meus dezasete anos “pero tú lees mucho, ¿no?”. A aquel amor de universitaria que tivo a ben regalarme un libro de Sebastião Salgado vendo que quedara prendada daquel exemplar nunha caseta na Feira do Libro da Coruña.

A Xosé Antonio e todos os libros cos que traficamos e nos queremos. A Manuel e aquel libro de Wittgenstein que me toleou da cabeza e que segue en garda e custodia.

E volvín á ilusión de Laura Rey, que gardaba As mans da terra entre as súas coma protexendo un paxariño feble. Á ousadía de Rodrigo Costoya, que un día se puxo a escribir e, cando compendiou a vida do seu Pedriño en Portosanto descubriu que se lle fora das mans tanta impetuosidade. Ao síndrome da impostora e á indecisión de María del Carmen Rey, cando comezou a ceibar Escapados e Mulleres tras dos valos. Á necesidade de darlle voz a tantas historias acaladas da man de Rosario Regueira, ás Tardes de domingo de Ramona Giráldez, a ollar tras A fiestra aberta de Juan Parcero. E volvín a Arancha Nogueira, a Xosé María Vila Ribadomar, a cada unha destas persoas que un día soñaron e nós con elas.

Volvín a aquel primeiro libro ao que lle ilustrei a capa e que me uniu á persoa coa que hoxe comparto vida.

Ao libro que tan amorosamente me regalou o meu irmán por un aniversario e que… non fun nin quen de abrir porque me horrorizaba o autor, falecido hai nada.

Volvo á ollada do meu fillo cando lle lía A tartaruga que quería durmir, e, ao rematar, lle contaba aquilo de “e axiña quedou durmida” e el ollaba o debuxo e sinalaba a un mosquito e dicía, “Axiña debe ser esta”.

Volvo a quen lle dediquei libros, as amigas e aos amigos que escribides e que nalgún intre me agasalláchedes un libro, unhas letras nun pano de mesa, un recordo que merece quedar entre as páxinas dun libro, porque… a literatura dende sempre salvou vidas.

DEMIURXIA. “Seguir Camiñando” Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

SEGUIR CAMIÑANDO



Cantaba Nancy Sinatra  en 1966 “These boots are made for walking and that’s just what they’ll do” porque non queda máis que non decaer no camiño, malia os atrancos, malia quen non quere aprender, porque aínda nos quedan mistos para prender.

Así, outro novembro máis conmemórase o 25N, e nós e as nosas somos un simple número, unha cifra ancorada no calendario, somos un motivo para facer foto institucional de unidade e banalización das loitas, coma no 8M somos a escusa perfecta para que nos colexios e institutos se solvente a data cun mural de cartolina e papel maché, actividade na que “colaborarán” os concellos porque na axenda pública e política queda moi ben poñer un fondo violeta tralo emblema municipal.

De que serve todo isto se a desigualdade segue, nestes casos, agochada tras as alfombras? Se nos colexios e institutos o profesorado silencia as violencias machistas do propio claustro ou do alumnado e son corresponsables da non denuncia pública? Se politicamente non nos implicamos na non trivialización de condutas que restan moito de ser aceptables? Se non exercitamos á sociedade para que  vexa tras cada aldraxe unha tara a denunciar?

Pois a loita contra o terrorismo machista está vencellada de xeito inexorable á defensa dunha igualdade que ten que ser per se.

Porque debemos ser conscientes que cando nunha mesma casa conviven homes e mulleres, que un home diga que “axuda” nos quefaceres domésticos isto é tamén violencia machista, pois o que debe reivindicar é un “eu fago” xa que a corresponsabilidade é un primeiro paso para a implementación desta igualdade da que falamos. Porque cando escoitamos que unha política di que xa existen cotas femininas en listaxes e en postos de traballo e dirección e iso conleva que “ao mellor” “un home moi formado non poida acceder a este posto” tamén é un xeito de violencia sobre nós. Porque esa oración sería impensable aplicada do revés.

Porque ao longo deste 2024 atopamos exoneración dunha parte da sociedade cara a un “home” que tivo a ben bicar sen o seu consentimento a unha deportista, porque se destapou no país veciño unha violación sistemática e sistémica dunha muller que tivo os arrestos de denuciar publicamente que a vergoña tiña que mudar de lado, porque aínda, por riba de sufrir violencia machista contra a súa persoa, non estaba disposta a ter que agocharse nunha sociedade que ten moito que mudar e moito que matinar sobre o que estamos a consentir. Porque vimos de vivir un xenocidio atroz contra un pobo no que mulleres e crianzas, inda tendo nome, son tamén un simple número, unha portentaxe, pois no informe da ONU emitido hai uns días afirmábase que o 70% dos mortos pola guerra en Gaza son mulleres e nenos co que descubrimos de novo, como di a filósofa Celia Amorós, que “o corpo das mulleres é un libro no que se inscriben as regras do patriarcado”, sobre todo, nas guerras.

De cote, a sociedade adoita pensar que coa implementación de protocolos, e a formulación de leis queda todo feito, mais, aínda que son parte fundamental de actuación, na maioría das veces quedan en papel mollado, en follas de col que darlle ás ovellas e é responsabilidade de todas as persoas, sexan do xénero que sexan, asumir que somos parte do problema e da solución.

DEMIURXIA. Por que esGaza a indiferenza? Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

Por que esGaza a indiferenza?

Un ano xa e as cifras son aterradoras, mais igual iso de ser unha cifra non lle confire corporeidade ao mundo. Estes días volvín reler ao filósofo e cineasta Guy Ernest Debord, tan actual hoxe e sempre, e logo dunha charla existencial no xantar co meu fillo de dez anos non puiden facer outra cousa que escribir.

Debord ten unha obra magnífica La Société du spectacle (A sociedade do espectáculo) no que sostén que as sociedades modernas evolucionaron ata un modelo onde as relacións sociais son meras imaxes, representacións, o que converten a vida nun continuo espectáculo. Artellándose o poder e a política a través da produción das mesmas, da espectacularización do mundo alienando ás persoas da realidade material, da política.

Partamos pois, neste caso de que os conflitos actuais amplifícanse a nivel global a través das redes sociais e dos medios de comunicación, construíndo un “espectáculo” do conflito, onde as continuas imaxes de bombardeos, ataques e sufrimento son vistas a nivel global no mesmo intre de aconteceren. É pois a guerra, unha narrativa mediática que, na meirande parte dos casos, oculta as causas profundas e estruturais do conflito que nos levan a sacar conclusións a pé de rúa, sen sequera antes informarnos histórica, política e realmente. É por isto que nesta obra, o filósofo francés fai fincapé en que os actores políticos e institucionais tiran proveito dos medios para controlar as narrativas, polarizando a opinión pública e empregando o conflito para consolidar as súas posicións de poder.

Isto condúcenos, sen dúbida, a unha deshumanización das persoas implicadas, véndoas simplemente coma números ou obxectos, estatísticas ou anacos de carne, que como non son os nosos, non os choraremos. Poñámoslles nomes, idades, historias, veredes como muda o conto.

Pois até o de agora a meirande parte da poboación está a “consumir” o conflito coma un mero entretemento, un aspecto un tanto inquedante, como o mesmo Debord expón na súa obra. Observamos impasibles os aconteceres mentres as nosas vidas continúan sen máis preocupación que saber se o noso equipo vai ou non primeiro na liga ou canto pagaremos este ano de contribución.

Caemos nesta política do espectáculo, do terrorismo onde a falsidade pode asumir legalmente o nome do verdadeiro, do xa extinto. Mentres vemos unha terra alienada dos seus donos dende hai tanto tempo que debe sucumbir ante a vitimización dos herdeiros do holocausto, que non son outros que os mesmos que, a día de hoxe, seguen a perpetrar un xenocidio aterrador.

Estamos ante a descomposición catastrófica da sociedade? Probablemente. O domingo iamos a Santiago a miña frangulla e eu, a enchouparnos baixo a choiva, a partillar indignación con quen tivo a ben compartir consigna porque toda vida é unha vida e ter que perdela a mans dun pobo exterminador que partilla en redes sociais as atrocidades que perpetra é algo que me resta alento día a día. Son estes problemas de hipersensibilidade nosa ou de falta de sensibilidade da sociedade na que nos atopamos? Lembrades cando nos manifestabamos contra a guerra en Irak? Onde quedaron as grandes concentracións contra os atropelos aos dereitos humanos e aos tratados internacionais? Faltábame xente!

No día a día, a mais de solidarizarnos co pobo palestino e libanés enviando diñeiro para oenegués que están a pé de conflito pouco máis podemos facer. Ollar o terrible listado de empresas que colaboran dun xeito ou outro co estado sionista e que nos envolven día a día no traballo, na casa, no ocio, que están en todas partes. Visibilizar, como antigamente o facía o loito, unha kufiya en sinal de dó, xuntarse unha presada de persoas unha vez por semana ou por quincena para demostrar que lembramos, que seguimos vixiantes das atrocidades cometidas cando todo o mundo segue o seu quefacer cotiá sen que nada mude. Porque como diría Debord, hai moita xente que o único que sabe do holocausto nazi é o que veu nunha pantalla de plasma, algo que semella irreal, unha película de ciencia ficción, e esa xente é a que logo di que o da memoria histórica é un invento para desviar cartos do Estado a algo que xa non paga a pena lembrar.

Hoxe, un ano despois, facemos reconto de ataques a hospitais, colexios, refuxios, ONGs. Hai 42.000 persoas asasinadas, máis de 10.000 desaparecidas debaixo dos cascallos do que antes foron cidades, hai máis de dous millóns de persoas desprazadas, o 40% das vítimas foron menores de idade e sempre resistindo, pois lembremos que o pobo palestino leva 76 anos de ocupación e apartheid.

Mentres, o goberno español, autorizou en 2022 exportacións de armas a Israel por uns 9 millóns 200 mil euros, aumentando en 2023 no primeiro semestre a 44 millóns de euros malia que logo do estourido do conflito suspendera temporalmente a venda de armas ao estado sionista.

O mundo gaña cartos a costa das bágoas de milleiros de persoas, o candidato ás eleccións estadounidenses, Donald Trump, dicíalle a Netanyahu que o que tivese que facer que o fixese dunha vez e o fixese ben, amosándolle o seu total apoio e demonizando ao pobo palestino, unha vez máis. E toda a política internacional está chea dos argumentos colonialistas e supremacistas que levaron a outras guerras, mentres a política deixa de ter memoria, mentres o ser humano deixa de ter memoria e sensibilidade e atopamos á ultradereita facéndose con bastións que lle arrebatara a segunda guerra mundial.

Que acontecería se en troques de ser Palestina fose Alemaña, fose Francia, fose España o país agredido por Israel, chamariámoslle por fin terrorismo ou seguiríannos a dicir que é lexítima defensa?

E entre medias, abres un xornal e les que se investiron 363 millóns de euros no proxecto Hera, unha sonda europea para defender a Terra do impacto dun asteroide. Será que merecemos extinguirnos? Non o evitemos pois.

*Autoría imaxe principal: Hosny Salah

DEMIURXIA. “Escritora galega e nova busca que a exploten laboralmente?” Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

Escritora galega e nova busca que a exploten laboralmente?


Podería ser un anuncio por palabras nunha páxina de diario de tiraxe nacional.

Ás veces unha non ten máis que tomar distancia, ou non, para ver se as cousas arrefrían, por ver se se mitiga a vea crítica, pero… hai cousas das que se non se fala é como se non acontecesen e hai que falar, ou polo menos, escribir.

A dous días do 8M, un centro catalán, que recibe subvencións galegas, rulaba a seguinte mensaxe de mans dunha muller: “Bo día, coñeces a algunha escritora nova que queira vir facer Sant Jordi a Barcelona, pagando ela o desprazamento e nós pagamos unha noite de hostal? Poderá vender libros nas Ramblas, diante do Centro Galego o día de Sant Jordi. Confirma”.

Vale, partamos de que o “convite” vén dunha persoa en particular, que está curiosamente na directiva do centro, e digo eu, non é alguén que representa a toda a entidade?

A nova pescounos co pé cambiado, as mans na cabeza e unha morea de improperios no bico. Era posible tal mensaxe? Era posible tal atropelo, tal fachenda á hora de expor un método de explotación e que esa mensaxe levase palabras como “escritorA” e “novA”? Que se supón, que as escritoras novas non comen, non teñen facturas que pagar, que, ademáis de cobrar con sorte un 10% das vendas das súas obras, teñen que ir vendelas de sol a sol, teñen que pagar as súas dietas noutra comunidade cando queren promocionar a súa obra e, por riba, teñen que dar grazas de que lle poñan un cuarto nunha pensión?

Fagamos contas: un voo ida e volta a Barcelona a poucas semanas de Sant Jordi, máis transporte, máis dietas, máis grazas que che van poñer unha mesa para que vendas os teus libros, máis carrexa os teus libros a poucos que queiras vender, máis grazas que che poñen unha cadeira tamén, e con sorte un parasol= vendiches cinco libros, dos que carrexaches trinta, mellor dito, dos que facturaches trinta porque a pouco que pesen e a pouco que levases, non van en equipaxe de man, ale! Máis gastos! E os billetes 180€, a manduca 50€, e o que lle gañaches aos libros,… con sorte 10€. Se vives en Barcelona, pois igual non che importaría ir, pero se tes que ir dende Galiza, pois case que mellor que quedes na casa, non? Onde queda o prestixio como autoras, onde queda o prestixio do sistema literario galego? Nós faríamoslle iso a unha escritora catalá? Diríamoslle vén pola cara, vas poñer ti o material, o traballo e o transporte, nós pagámosche unha noite no hostal  máis achegado ao concello que propablemente nos custe uns 50€ sen almorzo? Non, verdade, pois igual de ridículo e obsceno soa que sexa do revés.  Preguntemos por aí, canto cobran xs autorxs que veñen ao Poetas Dinversos da Coruña? Ou veñen polo caldo? Coido que non.

Poñamos tamén negro sobre branco, segundo a resolución do 2 de novembro de 2023 a Secretaría Xeral da Emigración resolvía que se lle concedera entre outras entidades ao Centro Galego de Barcelona 9855€ en calidade de axuda para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural. É pois a literatura galega un patrimonio cultural ou non o é? De selo, a ver se se vai notando un pouco en que se gastan os nosos cartos.

Se a isto lle sumamos que as axudas de mans da Xunta de Galicia á edición en galego e ao sector literario en xeral son exiguas ou case inexistentes, diremos que somos resistencia malia a todo, pero unha cousa é ser resistencia e outra moi diferente é transixir coa explotación.